
O Concello de Frades deu onte un novo paso na posta en valor do seu patrimonio cultural, natural e histórico a través do proxecto Camiño Sénior, impulsado por FEGAUS (Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior), en colaboración coa Asociación Canal Sénior, no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
A xornada comezou coa actividade Pegada Verde no Camiño, desenvolvida en colaboración coa Asociación Galicia Ambiental, que puxo o foco na importancia de protexer a contorna natural, fomentar hábitos sostibles e concienciar sobre a responsabilidade compartida na conservación do patrimonio ambiental dos nosos concellos.
Tras esta sesión, os asistentes puideron coñecer de primeira man os obxectivos e as accións desenvolvidas no marco de Camiño Sénior a través das intervencións do presidente da Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (FEGAUS), Alejandro Otero, e da delegada territorial de Canal Sénior en Galicia, Yasmina López, que destacaron a importancia de implicar ás persoas maiores na recuperación e transmisión da memoria oral, así como o potencial da tecnoloxía para achegar o patrimonio local a novos públicos.

O encontro culminou coa instalación dunha placa con código QR na praza pública de Ponte Carreira, nun acto que contou tamén coa presenza do alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e coa veciñanza do municipio, que quixeron participar neste novo fito para a divulgación do patrimonio local.
A placa dá acceso de maneira gratuíta a diferentes recursos dixitais sobre a historia, as tradicións e os lugares de interese de Frades e Mesía. Trátase dunha proposta de contidos compartidos entre ambos concellos, que permite descubrir a súa riqueza cultural e natural dunha maneira diferente.
A memoria dos maiores, protagonista do patrimonio dixital

Segundo explica FEGAUS, un dos elementos máis destacados desta iniciativa é “a participación directa das persoas maiores na recuperación e divulgación da historia local”. Entre os contidos dispoñibles a través da placa atópase un podcast gravado durante un obradoiro cos veciños, no que os propios participantes comparten lembranzas, tradicións e anécdotas sobre como era a vida no concello décadas atrás. “Un exercicio de memoria colectiva que permite conservar historias e costumes que forman parte da identidade local e facilitar a súa transmisión ás novas xeracións”, salienta a federación, lembrando que a proposta complétase cun vídeo en formato vertical que percorre diferentes lugares de interese, un artigo dedicado á Aula da Natureza das Brañas da Valga, situada en Mesía, e unha infografía cos principais puntos que visitar na contorna.
Todos estes recursos forman parte dun espazo dixital compartido entre Frades e Mesía, que permite conectar ambos os municipios a través do seu patrimonio e ofrecer unha nova maneira de descubrir o territorio tanto á veciñanza como ás persoas que percorren o Camiño de Santiago.
Un legado que conecta xeracións

Camiño Sénior nace co propósito de demostrar que a tecnoloxía pode ser unha aliada na conservación das tradicións, na dinamización do rural e na transmisión do patrimonio cultural e natural de Galicia.
A través da instalación de placas con códigos QR, a creación de contidos accesibles e a posta en marcha de actividades culturais, educativas e ambientais, o proxecto busca “situar as persoas maiores no centro da recuperación e divulgación da memoria colectiva, recoñecendo o seu papel como transmisoras de coñecementos, experiencias e tradicións”.
