O afianzamento do galego na Rede está estes días de máis actualidade ca nunca. De feito, este xoves 17 (por se argúen non o sabe) non só se conmemoran as nosas Letras senón tamén a Internet e máis as Telecomunicacións. Tendo en conta isto, semella que lle estamos a mandar á Sociedade do Coñecemento unha mensaxe de galeguización, e que a mesma Sociedade do Coñecemento nos anima a facelo, xa que tamén o galego é algo valioso para ela, para os internautas, para as institucións e para as empresas que se moven no seu seo.
É nesta liña de galeguizamento e (asemade) de rederizamento onde se quere afianzar a Consellería de Innovación, que vén de anunciar máis medidas para promover a nosa lingua na Internet ó longo do que queda ano, medidas para as que vai dedicar 2.275.000 euros, segundo dixo o titular departamento, Fernando Blanco, no transcurso da xuntanza Estratexias TIC e de Sociedade da Información en Galicia, un evento organizado en colaboración coas tres universidades galegas co fin de festexar a seguinte suma de factores nunha única xornada: galego, Internet e Telecomunicacións.
Esta iniciativa da Consellería de Innovación vai incluír subvencións para as páxinas web dos concellos, o desenvolvemento dun dicionario, un tradutor e un corrector, un acordo de cooperación coa Consellería de Cultura e co Instituto da Lingua Galega para achegar servizos interactivos na Rede que xiren arredor do emprego da nosa lingua.
Ademais, Fernando Blanco anunciou que seguirá a apostar polo software libre e, máis concretamente, por seguir na liña de adaptalo ó galego a través de mancomun.org.
Innovación destinará 2,2 millóns de euros a afianzar a presenza do galego na Rede
Compartir Este Artigo
