Tras varios anuncios e mesmo cambios de nome de produto, a Fundación One Laptop Per Child (OLPC) que pretende achegar ordenador ós nenos de países en vías de desenvolvemento prepara a chegada do seu primeiro equipo, o XO (tamén coñecido coma “o ordenador portátil de 100 dólares”) será unha realidade o vindeiro mes de outubro, aínda que o prezo final dos ordenadores será de 176 dólares.
Nestes momentos, o equipo de Nicholas Negroponte está a negociar con gobernos duns 30 países para introducir os seus ordenadores, aínda que xa hai países que retiraron o seu apoio ó proxecto para desenvolver os seus propios equipos de custo reducido.
Pero o lanzamento dos XO non está exento de polémicas, e o pasado domingo pola noito o propio Negroponte apareceu no célebre programa televisivo 60 Minutes acusando a Intel de causar un enorme dano ó seu proxecto. Lembremos que os XO empregan procesadores AMD, mentres que Intel desenvolveu un proxecto paralelo baseado nos seus procesadores, que se coñecen coma Classmate PC e que se venden a 285 dólares, aínda que poderían reducir o seu prezo a 200 dólares de incrementar a súa produción, o que sería unha seria ameaza para o OLPC. Lembremos que o elemento crítico que fai viable o proxecto de Negroponte é garantir a encarga de 3 millóns de unidades dos seus novos equipos para chegar a unha produción masiva que permita manter o prezo anunciado, polo que a competencia cunha empresa tan potente coma Intel supón un atranco importante.
Prevén o lanzamento dos portátiles promovidos por Negroponte para o mes de outubro
Compartir Este Artigo
