
A consultora galega Vitae quere axudarnos a atopar as vertentes máis prácticas, seguras e eficientes da intelixencia artificial, co obxectivo de mellorar o rendemento dos nosos equipos e acadar os mellores resultados nos nosos proxectos. Nesta liña encádrase o curso Claude IA: produtividade aplicada ao traballo diario (PDF), que chega este mes de decembro á súa segunda edición (os días 1, 3 e 10 de decembro) impartido por Carlos J. Escudero, catedrático de Universidade da Coruña na área de Teoría do Sinal e Comunicacións dentro do Departamento de Enxeñaría de Computadores da Universidade da Coruña e investigador do CITIC da UDC.
Segundo avanzan dende Vitae, Claude permite traballar con información, organizar tarefas e delegar actividades profesionais en axentes de intelixencia artificial. Para aproveitalo é necesario comprender as súas capacidades e limitacións, facilitarlle contexto e revisar os resultados que produce.
Neste curso empregarase Claude para desenvolver e revisar resultados, e os coñecementos e métodos adquiridos poderán trasladarse a outras ferramentas de axentes de IA de escritorio, coas adaptacións que requira cada contorna.
Ademais, as actividades e os exemplos incluídos nesta actividade formativa expoñen situacións xerais do traballo cotián que se poidan extrapoñer a profesionais e empresas de calquera sector coas adaptacións necesarias.
Dende Vitae lembran que agora que case todo o mundo probou xa a intelixencia artificial, é o intre de empregala para mellorar a eficacia do traballo diario: “A diferenza na IA non está na ferramenta: está en saber que se lle pode pedir, como conectala ao noso traballo real e onde poñer o límite”.
Facilitarase a cada asistente unha licenza de pago de Claude durante a duración do curso. Ademais necesitarase ter instalado Claude Cowork en cada computador para o seguimento das clases, se non se ten instalado instalarase durante o curso.
Obxectivos
Ao finalizar a formación, as persoas asistentes serán capaces de:
- Comprender os fundamentos da IA xenerativa e traballar con Claude de forma informada e eficaz.
- Organizar proxectos, instrucións, arquivos e contexto para delegar tarefas a un axente.
- Automatizar procedementos habituais e preparar habilidades que se poidan reutilizar a partir dun fluxo de traballo.
- Traballar con fontes e bases de coñecemento para consultar información e xerar documentos apoiados.
- Coñecer as posibilidades dos artefactos e do uso de ferramentas e servizos existentes mediante conectores e MCP.
- Aplicar criterios de verificación, permisos, privacidade e supervisión humana.
Persoas destinatarias
O curso vai dirixido a profesionais de calquera área que “queren deixar de probar a IA e empezar a usala no seu traballo cotián”; equipos de operacións, administración, mercadotecnia, vendas, recursos humanos, atención ao cliente ou dirección; responsables e mandos intermedios que precisan criterio para decidir onde aplicar IA no seu equipo; perfís técnicos ou mixtos que desexen espremer o ecosistema completo e non só o chat; e máis emprendedores e autónomos que traballan sós e necesitan multiplicar a súa capacidade operativa.
O formador: Carlos J. Escudero

Os contidos serán impartidos por Carlos J. Escudero, enxeñeiro de Telecomunicación, doutor en Informática e Catedrático de Universidade na área de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade da Coruña, amais de investigador do CITIC, cunha traxectoria de máis de 30 anos en docencia, investigación, innovación e xestión universitaria.
Desempeñou diferentes responsabilidades de dirección e xestión, entre elas as de adxunto ao reitor en TIC, coordinando os servizos de informática e comunicacións da Universidade da Coruña, director do Departamento de Electrónica e Sistemas e vicedecano de Infraestruturas da Facultade de Informática. Esta experiencia permitiulle combinar unha sólida visión tecnolóxica co coñecemento práctico dos procesos de transformación dixital e de xestión de infraestruturas e servizos TIC en organizacións complexas.
A súa actividade investigadora desenvolveuse principalmente nos ámbitos do procesado de sinal, comunicacións dixitais, redes sen fíos, sistemas de localización e tecnoloxías da información. Dende 2007 é investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), onde liderou diversos proxectos relacionados con comunicacións sen fíos.
Á súa traxectoria académica suma experiencia empresarial e de transferencia tecnolóxica como emprendedor, investigador e consultor, participando como socio fundador en empresas tecnolóxicas como Nomasystems e Sevenix Enxeñería.
Nos últimos anos centrou parte do seu traballo nos sistemas de IA xenerativa axéntica, a xestión estruturada do coñecemento e a aplicación práctica destas tecnoloxías en organizacións. O seu enfoque como formador combina rigor técnico, claridade didáctica, experiencia en xestión tecnolóxica e unha marcada orientación cara a casos de uso reais.
