O Máster de Software Libre que organizan na Coruña Igalia e Caixanova segue adiante, collendo corpo e dispoñéndose no posible á medida dos futuros alumnos. Unha das novidades máis salientables deste ciclo superior (do que falamos xa o pasado mes de xuño) pioneiro na súa temática no eido do Estado español reside na achega de bolsas por valor de 3.000 euros para catro dos futuros participantes, bolsas que veñen da man da firma galega Igalia (coorganizadora da iniciativa) e de Telefónica.
A operadora española -incorporada hai pouco ó equipo colaborador- concorrerá con dúas bolsas Morfeo, que é o nome que designa á comunidade de software libre que serve de receptor de propostas, banco de probas, obradoiro e palestra a iniciativas de código aberto vinculadas ó eido da mobilidade.
Porén, as novidades no Máster non rematan na incorporación de Telefónica. Hainas no horario, que se vai afacer ás circunstancias dunha boa parte dos alumnos (profesionais en activo) co traslado das clases á fin de semana, e hainas no apartado de destinatarios, que agora fica aberto a licenciados superiores, diplomados con tres anos de carreira universitaria e tamén enxeñeiros técnicos. Cómpre lembrar que o prazo extraordinario para inscribirse no máster remata o vindeiro venres 28 de setembro. Sinalar tamén que os impresos de solicitude poden descargarse nesta web de Caixanova para entregalos logo cumprimentados á Obra Social da entidade financeira galega.
O curso conta co seguinte comité asesor:
· Richard Stallman, presidente da FSF e fundador do proxecto GNU.
· Miguel de Icaza, vicepresidente de Novell, fundador do proxecto GNOME e impulsor de MONO.
· Bdale Garbee, xefe tecnolóxico da área Open Source & Linux de HP a nivel mundial e presidente de Software in the Public Interest.
· Carlos Guerreiro, líder de OSSO Desktop team en Nokia Multimedia.
· Alberto Abella, director de desenvolvemento corporativo da fundación CENATIC, e coautor do Libro Blanco do Software Libre.
· Marcelo D”Elia Branco, coordinador do proxecto Red Internacional de las Administraciones Públicas por el Software Libre.
Telefónica súmase con dúas bolsas ó Máster de Software Libre que se vai celebrar na Coruña
Compartir Este Artigo

