Mancomún, plataforma constituída pola Consellería de Innovación e polos grupos de usuarios e deseñadores de software libre de Galiza, vén de reforzar a súa vertente máis formativa e dirixíndose agora ó eido empresarial. O obxectivo: achegarlle sobre todo unha oportunidade para facer negocio e abrir mercado (no caso de que desenvolvan elas mesmas programas) pero tamén un xeito de aforrar cartos e de ampliar a marxe de manobra (no caso de que teñan a necesidade de incorporar software alleo para a súa xestión). Asemade, estas actividades servirán para contribuír a que no futuro os cartos investidos en programas informáticos ou redes fiquen en Galiza, tendo en conta que se busca o afianzamento da oferta galega de software libre.
O caso é que o programa de mancomun.org fica aberto nesta primeira fase do proxecto a un total de 15 empresas. O obxectivo, segundo a propia plataforma, é axudalas a que sexan quen de abordar proxectos de implantación e soporte de servizos en código aberto.
A iniciativa, denominada Plano de Capacitación TIC en Software Libre, desenvolverase nunha primeira fase piloto que terá lugar entre o 13 de xuño e o 19 de xullo de 2008. Dado o seu carácter experimental, sinala o centro de referencia galego, este curso celebrarase nunha única edición en Santiago de Compostela. Logo, e unha vez avaliados os froitos, comezará a segunda fase, prevista para o último trimestre do ano. Mancomún achega en liña e en pdf máis Máis información sobre o programa. Asemade, é posible descargar xa a ficha de inscrición.
Mancomún axudará a camiñar ás empresas galegas na produción de software libre
Compartir Este Artigo

