Quen queira velos nos arredores de Pontevedra poderá velos cada pouco tempo: carteis e máis carteis de espectáculos taurinos que, por moito que se queira, semellan acaerlle tan mal á nosa cultura coma un traxe feito noutra galaxia e enviado logo con 20 anos de retraso. En resposta a este tipo de celebracións na cidade do Lérez e, por extensión, en calquera cidade ou vila, están a proliferar na Rede todo tipo de iniciativas encamiñadas a boicotealas ou, en calquera caso, a poñer de manifesto o que para estes colectivos é unha verdade a ter en conta: calquera manifestación artística fica invalidada como tal se media nela o máis mínimo maltrato ou sufrimento.
Na internet galega, un dos espazos máis activos é a Plataforma Pontevedra Antitaurina, que, precisamente, vén de convocar en liña unha mobilización para o sábado 9 de agosto ás 19 horas na praza da Peregrina.
O obxectivo: erradicar da cidade as touradas previstas este verán durante as cales ata 24 touros van ser “torturados e mutilados coa complicidade das institucións públicas”.
No blog que ten habilitado este colectivo ofrécese información completa sobre o alicerce da súa actividade (seis puntos básicos a reivindicar) e un enderezo electrónico, pontevedraantitaurina@gmail.com, a través do que se pode solicitar información sobre presentes e vindeiras accións de mobilización. Asemade, inclúese en formato pdf unha sección de documentos sobre as principais razóns para esixir a fin de calquera actividade ligada aos touros en Pontevedra ou en calquera outra localidade de Galiza e España.
Convocada pola Rede unha mobilización antitaurina en Pontevedra (o 9 de agosto)
Compartir Este Artigo

