Até o de agora, tódalas páxinas galegas de venda en liña que temos presentado na nosa web tiñan que ver con produtos típicos de aquí ou cos máis representativos dos nosos costumes (tales como pan, marisco, artesanía, viño da terra ou castañas) pero o enxeño galego vai alén de todo iso e a Rede semella unha excelente ferramenta para dalo a coñecer fóra das nosas fronteiras. Isto vén a conto pola presentación dunha nova páxina web de orixe galega que, para abraio de todos nós, non vende nin froita do tempo, nin paraugas, nin gaitas de fol, nin tan sequera camisetas do Deportivo; Paisdelasmaravillas.es (que así se chama o sitio) vende xoguetes eróticos e todo tipo de accesorios para que as relacións sexuais sexan o máis pracenteiras e divertidas posible.

Esta tenda virtual ofrece todo o que nos poidamos imaxinar para mellorar os nosos xogos sexuais, dende os típicos vibradores (de tódalas formas, cores, texturas e tamaños) ata lencería suxestiva, pasando por cosmética erótica, perfumes afrodisíacos, prendas comestibles, tintas de chocolate ou preservativos de cores e sabores variados.
Tódolos produtos comercializados aparecen nunha ficha detallada na que se inclúe a fotografía, o nome a descrición técnica e o prezo de cada un. Os usuarios tan só terán que navegar pola páxina, escoller os produtos que mellor encaixan nos seus gustos, rexistrarse como clientes e mercar. Os envíos realízanse dende a tenda física en Vigo a toda España coa total discreción e sen custos de envío se o pedido supera os 50 euros.
Xa non hai escusa posible pois, para sorprender á nosa parella cun chupa-chups para dous ou cun tanga de caramelo aínda que Pais de las Maravillas non se faga responsable das consecuencias polo uso excesivo dos seus produtos, tales como caries ou subida de azucre (en que estabades a pensar xa?).
Tenda erótica en liña dende Vigo para o mundo
Compartir Este Artigo

