O vindeiro martes 29 de xullo, o Servizo Galego de Saúde da Xunta (Sergas) vai presentar unha nova campaña informativa sobre os estupefacientes e os seus efectos na mocidade que tira especial partido das novas tecnoloxías para incrementar a súa difusión. Trátase do DVD Todo sobre as drogas, unha escolma de material audiovisual elaborada pola Fundación de Ayuda contra la Drogación (FAD) e máis a Obra Social de Caja Madrid. O DVD, que se vai dar a coñecer na sede do Sergas en San Lázaro (Santiago) ás 11.00 horas, contén máis de 180 minutos de información actualizada sobre o eido das drogodependencias e os seus efectos. Segundo apunta a Xunta, vanse repartir máis de 15.000 copias do disco en quioscos e puntos de venda de prensa de Galicia entre os días 3 e 13 de agosto.
O DVD, que aparecerá ao prezo de 1 euro (o que se obteña irá destinado a labores sociais da FAD), foi elaborado para chegar á máxima cantidade de xente, de aí que (como indica a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias do Sergas, entidade que xa amosou o seu apoio a prol da iniciativa) fose desenvolvido cunha linguaxe sinxela e coa menor cantidade posible de termos técnicos.
Na imaxe, unha campaña recente da FAD.
Santiago acolle o martes a presentación dun DVD sobre drogas
Compartir Este Artigo

