A comunidade KDE finalmente publicou a versión definitiva do KDE 4.1.0, que incorpora toda unha serie de interesantes novidades a esta interface de usuario para Linux coma o xestor de información persoal KDE-PIM (que incorpora o lector de correo electrónico KMail, o planificador KOrganizer, o lector de fluxos RSS Akregator, o lector de grupos de novas KNode e outros compoñentes integrados na shell de Kontact), o escritorio Plasma (que se estreara en KDE 4.0, pero madurou para poder substituír ao shell do KDE 3), o administrador de ficheiros Dolphin, o reprodutor multimedia DragonPlayer e moitas outras novidades que, xunto coa depuración dos erros detectados en anteriores versións converte ao KDE nunha interface que cada día ten máis peso para compararse aos escritorios de Windows e Mac OS X.
Tamén cómpre destacar que esta nova versión do KDE está traducida ao galego (nun 92% do global) segundo apuntan dende Mancomún.
