O conselleiro de Innovación, Ciencia e Empresa da Junta de Andalucía, Francisco Vallejo vén de anunciar que, dende a súa posta en funcionamento, as aplicacións informáticas baseadas en software libre empregadas nesta comunidade autónoma, supuxéronlle ao seu goberno un aforro de 180 millóns de euros.
Así o anuncio Vallejo durante a Conferencia Internacional de Software Libre que tivo lugar en Málaga a pasada semana, e que reuniu na cidade andaluza a máis de 6000 asistentes e 200 relatores de ámbito nacional e internacional.
Na súa intervención, Vallejo anunciou, asemade, que Andalucía vai contar, a partires do vindeiro ano, cun Centro de Transferencia de Tecnoloxía para o sector do software libre, no que participarán conxuntamente o goberno andaluz, as universidades e as principais empresas do ramo.
O conselleiro de Innovación convidou a numerosas empresas do sector TIC participantes no acto a compartir esforzos e estratexias para avanzar no pulo do software libre como liña de desenvolvemento económico para Andalucía. Neste senso animou aos responsables empresariais do sector do software libre a sumarse ao devandito Centro.
Esta plataforma vai supor un novo avance para o sector así como unha gran oportunidade de negocio para as empresas andaluzas desenvolvedoras de software libre, que poderán exportar as súas solucións a mercados tanto nacionais como internacionais.
O software libre afórralle á Junta de Andalucía máis 180 millóns de euros
Compartir Este Artigo

