
Os asistentes non puideron ver nin o agardado SnowLeopard (nova versión do Mac OS X que leva anunciada varios meses), o Mac mini renovado, o iPod Touch de grande tamaño (falábase dunha posible versión con pantalla de 7 ou 9 polgadas) ou mesmo un iPhone nano (rumor insistente que non parece ter moito sentido) e tiveron que conformarse con ver actualizacións nos paquetes de aplicacións iLife ’09 e iWorks ’09, xunto coa presentación dunha renovación do MacBook Pro con pantalla de 17 polgadas (que se trata dun equipo de alta gama e prezo elevado que o afasta do mercado de consumo, polo que non resulta especialmente relevante).
Para moitos resulta de máis interese o anuncio de que iTunes amplía o seu catálogo de cancións sen protección DRM, así como a eliminación do prezo fixo por canción, de xeito que agora podemos atopar temas a 0,69, 0,99 e 1,29 euros, que incluso se poderán descargar no iPhone dende conexións 3G (ata o momento só se podía facer por Wi-Fi ou a través un ordenador). Os usuarios que queiran liberar do DRM a temas adquiridos anteriormente poderano facer pagando 0,30 euros por cada tema (0,60 euros no caso dos vídeos e o 30% do prezo orixinal no caso dos álbums completos).
Entre as melloras de iLife ’09 podemos destacar que o iPhoto incorpora tecnoloxía de recoñecemento facial (moi útil para a organización de fotografías) e soporte de xeolocalización de imaxes e o iMovie incorpora novos temas e a posibilidade de crear mapas de viaxe animados, mentres que no iWork ’09 podemos destacar a posibilidade de compartir documentos, follas de cálculo e presentacións de xeito sinxelo a través de iWork.com. Aínda que se miramos ao peto, resulta máis interesante o feito de que Apple decidise lanzar o Mac Box Set, un paquete que inclúe iWork ’09, iLife ’09 e Mac OS X 10.5 (Leopard) por só 169 euros (cando os seus prezos por separado serían de 79, 79 e 129 euros respectivamente).
Apple decepciona na Macworld Expo
Compartir Este Artigo

