
A Semana Europea da Robótica concluíu en Santiago de Compostela cunha xornada dedicada ás aplicacións da robótica na educación, a rehabilitación, o coidado de persoas maiores e a atención ás emerxencias. O encontro, celebrado no CIFP Politécnico, combinou actividades profesionais cunha feira gratuíta aberta pola tarde ás familias e ao público xeral.
A mañá comezou cunha mostra de proxectos desenvolvidos polo alumnado do propio centro de Formación Profesional. Entre os traballos expostos figuraban un brazo robótico capaz de pintar, outro deseñado para repoñer material nun almacén e dous robots que coordinan tarefas de loxística de mercadorías. A exposición tamén incluíu robots colaborativos, vehículos autónomos empregados en aplicacións industriais e pequenos humanoides dotados de intelixencia artificial.

A programación continuou con dúas mesas de debate. Na primeira, Inrobics, No Isolation España, PAL Robotics e a Fundación CARTIF presentaron experiencias de robótica social aplicadas á educación, a rehabilitación e o coidado de persoas maiores. A sesión estivo moderada por Miguel Ángel Salichs, catedrático da Universidad Carlos III de Madrid.

A segunda mesa centrouse nas posibilidades destas tecnoloxías para mellorar a resposta ante emerxencias e situacións de risco. Participaron representantes da Policía Local de Narón, Nordestech, o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo.
A sesión profesional rematou coa presentación de ROBOTA-SUDOE, un proxecto europeo no que colaboran a Universidade de Santiago e o Centro Tecnolóxico da Carne de Ourense. A iniciativa busca avanzar na manipulación robotizada de produtos alimentarios, como carne e froita, que presentan dificultades específicas para a automatización dos procesos.

Pola tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas, o CIFP Politécnico abriu as súas instalacións ás familias e ao público xeral cunha feira gratuíta de experimentación. Os visitantes puideron interactuar con robots dotados de intelixencia artificial, achegarse aos fundamentos da robótica e experimentar con aplicacións de robótica espacial mediante lentes de realidade virtual.
A xornada pechou así Robota: Cultura robótica, o encontro estatal organizado por HispaRob no marco da Semana Europea da Robótica, que se celebrou por primeira vez en Galicia co apoio da Xunta e a colaboración de ALLKNOW Education.
Os Polos Creativos tamén tiveron protagonismo

A programación do xoves dedicou unha parte destacada aos Polos Creativos, os espazos de experimentación tecnolóxica e robótica implantados nos centros educativos galegos. Docentes do CEIP de Louro de Muros, o CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, o CPI de Atios de Valdoviño e o IES Miraflores de Oleiros compartiron as súas experiencias nunha mesa moderada por Conchi Fernández Munín, do programa Polos Creativos da Consellería de Educación.
Ao remate do encontro, Francisco Silva, delegado institucional de Iberdrola en Galicia, e Francisco Castelos, xefe de operacións da compañía na rexión noroeste, entregaron kits de compoñentes electrónicos aos catro centros educativos para facilitar o desenvolvemento de circuítos eléctricos nas aulas.
A tarde completouse con obradoiros prácticos dirixidos ao profesorado e unha mostra de robótica na que participaron empresas e entidades do sector.


