Ata un total de 50 alumnos (25 na edición de Vigo e 25 na edición de A Coruña) están a participar na segunda edición do Curso Avanzado en Dirección de Empresas TIC que organiza Ineo en colaboración coa Escola de Negocios Caixanova e as Confederacións de Empresarios de Pontevedra e A Coruña.
O curso ten un enfoque xerencial e ten como principal obxectivo ampliar os coñecementos e as capacidades de xestión dos xerentes e profesionais con responsabilidades deste tipo nas súas empresas, así como de responsables e mandos intermedios que na actualidade desenvolven as súas funcións nun ámbito máis técnico.
A formación, que arrincou esta mañá na súa edición en Vigo, parte da experiencia do pasado ano, que obtivo unha moi boa acollida por parte das empresas que compoñen Ineo.
O programa foi deseñado de xeito que, durante as 80 horas de duración do curso, os alumnos reciben formación completa en catro grandes áreas de coñecemento estratéxicas:
Finanzas, Ferramentas de Marketing e Comerciais, Desenvolvemento de Habilidades Directivas e Estrategia e Dirección.
Este curso enmárcase dentro dos obxectivos de Ineo de dotar ao sector TIC galego das ferramentas que lles permitan seguir medrando ante novos retos da sociedade do coñecemento e mellorar as capacidades do persoal das súas empresas.
Comeza a II edición do Curso Avanzado en Dirección de Empresas TIC, ofertado por Ineo
Compartir Este Artigo

