Esta tarde a sede compostelá da Fundación Caixa Galicia acolleu o segundo encontro Iniciador Galicia, que tiña como reto consolidar este evento que con tanta forza comezou en A Coruña hai pouco máis dun mes, para o que contaron como relator a Raúl Ordóñez, responsable de Negocio e Comunicación de Bitácoras.com, a principal rede social de blogueiros en español (con 265.000 usuarios rexistrados, máis de 320.000 blogs indexados no seu sistema e un volume mensual de visitas superior aos 5 millóns).
Este encontro para emprendedores e outros profesionais do sector tecnolóxico pretende servir para compartir experiencias e coñecementos, de xeito que Ordóñez non se limitou a relatar os inicios da súa compañía como exemplo dunha startup que funciona cunha microestrutura de persoal (está composta unicamente por 5 persoas), senón que tamén falou das virtudes do teletraballo (que exerce activamente, pois pese a que a sede central de Bitácoras.com está en Madrid, desenvolve case todo o seu traballo dende a cidade de Lugo).
Entre os moitos detalles que comentou, destacou que os tempos nos que o negocio na web estaba na venda de banners rematou, e explicou como a súa compañía desenvolve distintas actividades para funcionar como empresa: realizan labores de intermediación entre empresas e blogueiros, crean servizos orientados a dispositivos móbiles, crean comunidades sociais baseadas na Internet para empresas e incluso organizan uns premios anuais dos que están especialmente orgullosos, por considerar que son o elemento que confirma o seu bo labor.
Resultou de especial interese escoitar a Raúl Ordóñez falar dos malos momentos da compañía, pois dos erros tamén se aprende, o que deberían concienciar a futuros emprendedores no feito de que moitas veces hai que perseverar para levar un negocio adiante.
Para rematar o encontro os asistentes xuntáronse nun local de hostalaría para continuar dun xeito máis distendido compartindo pareceres, e establecendo relacións que son boa parte do xermolo deste tipo de evento que nos vindeiros meses continuará a súa xira polas cidades galegas para chegar a un maior público, contribuíndo á dinamización do sector.
Os encontros Iniciador Galicia están organizados por María Encinar e David Pombar, co patrocinio de BidoBido e o apoio audiovisual de AiraDixital.
Santiago acolleu o segundo encontro Iniciador Galicia
Compartir Este Artigo

