O Goberno vén de informar ao deputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, que segundo os dados do Instituto Nacional de Estatística, e para o ano 2008, «a porcentaxe de fogares galegos con conexión á Internet ascendeu ao 39,7%, uns 11 puntos menos que a media estatal que se sitúa nun 51%».
O deputado do BNG dirixíase ao Ministerio de Industria para preguntarlle polos dados de acceso á Internet en Galicia e tamén os datos correspondentes á banda larga diferenciados por comunidades autónomas, aínda que o Goberno só aporta as porcentaxes relativas a Galicia e medias estatais. No tocante á banda larga, sinala que dos fogares que contan con Internet a porcentaxe de acceso a banda ancha ascende ao 78,09% cando a media estatal é do 85,29%.
O Goberno afirma amais que os resultados do Instituto Nacional de Estatística son parecidos aos do Observatorio Galego da Sociedade da Información, que di que a porcentaxe de fogares galegos con acceso a internet é do 41% e os conectados a banda larga sitúase en torno ao 70%.
Respecto ás cifras no Estado español, o Executivo recoñece que o acceso a internet nos fogares está por debaixo da media europea que é do 60% pero recalca que no ámbito das empresas se está «en posición de vangarda xa que o 95% das empresas españolas teñen acceso a internet por un 93% da UE».
O 39,7% dos fogares galegos teñen acceso á Rede segundo o INE
Compartir Este Artigo

