O Celta de Vigo vén de dar un paso importante cara á mellora da súa comunicación co mundo a través de Internet: acaba de incluír a nosa lingua na súa nova páxina web. A aposta polo galego, que está a ser recibida con parabéns dentro da Rede mesma (vémolo nos votos da nova reflectida en Chuza! e, tamén, explicado polo miúdo en Xornal.com), inclúese nun feixe de actuacións do Club encamiñadas a desenvolver e ampliar ata onde sexa posible a presenza en liña do mesmo. Máis polo miúdo, e segundo se explica na páxina, o que se pretendía era “acadar unha web moderna, funcional e ao servizo do celtismo”.
A páxina, que sen dúbida vai deber unha boa parte do seu éxito ás demandas dos internautas (que levan xa varios anos animando ao Club na súa galeguización e na mellora da súa comunicación virtual), foi presentada estes días en todos os seus detalles polo vicepresidente da entidade, Pedro Losada, a directora de Proxección, Marián Mouriño e os responsables de M&M (firma responsable do deseño e posta en marcha), Manoel Soto e Xosé González.
A posta en longo celebrouse nas instalacións da Madroa, ao remate dun adestramento, e nela fíxose fincapé no esforzo despregado para que a nova web fose un fiel reflexo dos requirimentos dos seareiros, tanto no que atinxe á dita inclusión do galego como no que se refire á maquetación (máis dinámica e con maior presenza do factor imaxe) e ás posibilidades de interacción. Sobre este último punto, cómpre sinalar que a páxina inclúe ferramentas para que os afeccionados poñan en marcha o seu blog no seo mesmo da web do Celta, poñéndose tamén a disposición dos internautas a opción de participar a fondo nas enquisas e nos foros.
Asemade, inclúense novas actualizadas do Club, galerías de imaxes e televisión (con rexistros das mellores xogadas do equipo e coa previsión, a medio- longo prazo, de ser obxecto de ampliacións para poder ofrecer partidos en vivo por tecnoloxía streaming).
O Celta de Vigo presenta nova web, en galego e participativa
Compartir Este Artigo

