Acogelos.org, o portal español dende o que se loita por impulsar a achega de fogares para os animais abandonados (fenómeno tristemente salientable por estas datas), vén de asinar un acordo de patrocinio con Pedigree (a marca de alimentos para cans e gatos) co obxectivo de fortalecer o impulso que se dá á adopción dende a Internet e ás campañas de concienciación sobre o problema. Segundo se fai figurar no acordo, a dita empresa non só subministrará apoio económico para poñer en marcha campañas senón que porá en xogo a súa experiencia (máis de sete décadas) para asesorar á plataforma en liña no seu labor de sensibilización.
Pola súa parte, os responsables da páxina Acogelos.org comprométense a facilitar a comunicación entre todas aquelas persoas interesadas en adoptar animais abandonados e 145 casas e centros de acollida e refuxios espallados por todo o territorio nacional. Segundo Jorge Martín Nomen, responsable da plataforma, o acordo é especialmente destacable se temos en conta a preocupación e o interese que a casa Pedigree vén demostrando ao longo destes anos en materia de procura do benestar dos animais. Deste xeito, sinalou durante a sinatura do convenio, “poderase ir un pouco máis cara a adiante na busca dunha vida mellor para os milleiros de cans abandonados en España”.
Pedigree colaborará na busca en liña de fogares para cans abandonados
Compartir Este Artigo

