Coincidindo co inicio da decimoterceira edición da Campus Party, a meirande concentración de internautas de España, que terá lugar dende hoxe ata o vindeiro 2 de agosto en Valencia, Microsoft está a celebrar cos campuseiros de todo o país, o décimo aniversario de Windows Live Messenger, a súa ferramenta de comunicación en tempo real con máis usuarios na Rede.
Para o evento, Microsoft habilitou un espazo aberto ao público con dous dispositivos Surface, un dos maiores avances realizados ata a data por Microsoft no seu esforzo por evolucionar as interfaces tradicionais da informática cara a unha forma máis natural e intuitiva de relacionarnos coa información dixital.
Asemade, con motivo do aniversario, desenvolveuse unha aplicación para a mesa táctil, que lle permitirá aos visitantes crear temas personalizados dunha forma moi sinxela e intuitiva, con motivos de Messenger, como emoticonos ou buddies. Ao rematar o seu deseño, os creadores poderán elixir se llelo envían por correo electrónico como fondo de escritorio ou o imprimen no momento nun vinilo que poderán pegar no seu PC.
Neste espazo, haberá ademais dous grandes PCs portátiles con Windows 7 para probar a experiencia táctil do novo sistema operativo da compañía, o cal será presentado o vindeiro venres, 31 de xullo, da man de Luis Martín, representante de Microsoft Ibérica, quen ofrecerá un completo relatorio sobre os usos e utilidades desta agardada ferramenta..
O Windows 7, ademais da opción de escoller o navegador, da que falamos onte en Código Cero, ofrece, entre outras novidades, máis posibilidades de elixir como interactuar co PC, con opcións que inclúen multi-Touch, e recoñecemento mellorado de escritura e voz. Os visitantes poderán comprobar as melloras e novidades do sistema operativo de Microsoft, que fai que sexa máis doado empregar o sistema de audio-vídeo en rede doméstica e outros dispositivos multimedia para reproducir música, ver vídeos, e mostrar fotos.
Por outra banda, da man de Eduardo Ortega Bermejo, do Centro de Innovación de Mobilidade, Microsoft presentará Marketplace, un espazo onde os usuarios poderán buscar, navegar e comprar aplicacións móbiles dende un teléfono Windows ou dende un PC, empregando simplemente unha identidade Windows Live IDE.
O novo Marketplace estará integrado nos novos teléfonos Windows, que permitirán aos consumidores atopar, instalar e experimentar con aquelas aplicacións que satisfagan mellor as súas necesidades e personalizar os seus teléfonos. Asemade, os campuseiros poderán participar da iniciativa Imagine Mobile, que promove a creación de innovadoras aplicacións para os teléfonos Windows, que, segundo anuncian os seus responsables, “enriquecerán a nova tenda online Marketplace e crearán novas experiencias para os usuarios”.
As tres mellores propostas de Campus Party, serán galardoadas cun teléfono Windows.
Microsoft celebra o 10º aniversario de Windows Live Messenger na Campus Party
Compartir Este Artigo

