A nova edición do Máster Internacional en Tecnoloxías da Información e Desenvolvemento Económico (2009-2010) incluirá unha serie de ampliacións con respecto á anterior convocatoria. Segundo informan os responsables do programa formativo (o equipo GIS-T da Universidade de Santiago), entre outras incorporacións cóntanse un Curso de Especialización en Marketing Territorial e Novas Tecnoloxías e máis un Curso de Perfeccionamento en Marketing Territorial. Con esta oferta, engaden, preténdese que as alumnas e alumnos sexan conscientes da importancia que teñen as novas tecnoloxías na sociedade actual, tanto como ferramentas para o desenvolvemento local como para reactivar a cultura e a economía dunha cidade, concello ou país determinado.
Asemade, o obxectivo é afianzar un clima favorable para a colaboración científica entre tecnólogos, investigadores sociais, artistas de toda índole, sociólogos ou historiadores.
Isto polo que respecta ás vantaxes xenéricas para o espazo xeográfico concreto que dá acubillo a un máster das ditas características, neste caso o galego. No que atinxe ás achegas de tipo profesional, sinalar que a gran finalidade da actividade formativa é cubrir novos postos de traballo na administración pública e comunidades locais con alumnas e alumnos especializados en desenvolvemento social e en novas tecnoloxías.
Velando para que os obxectivos se cumpran sitúase un profesorado con ampla experiencia en labores científicos dentro e fóra dos tres grupos de investigación da Universidade de Santiago (USC) onde desenvolve o seu traballo: Sociedade, Tecnoloxía e Territorio; Novos Medios e Sistemas Intelixentes e máis Análise de Modelización Económica. Estes e outros factores, unidos ao permanente diálogo que estes equipos establecen con outros moitos do eido internacional posibilitan ás persoas que se inscriban no máster a realizar parte das actividades formativas nas máis prestixiosas universidades europeas, como por exemplo a de Porto, a Universidade do Minho ou a University College Cork de Irlanda.
Por certo que o curso en cuestión vai especialmente dirixido a alumnas e alumnos de grao (diplomados, licenciados e enxeñeiros), sobre todo con formación nas áreas de coñecemento das ciencias sociais, económicas e humanidades.
Nova edición á vista do máster en novas tecnoloxías e desenvolvemento da Universidade de Santiago
Compartir Este Artigo

