Imaxinemos que un ser querido nos envía un correo electrónico logo de semanas sen saber nada del. A cousa non tería máis repercusión nin sería nada doutro mundo (e nunca mellor dito, tendo en conta o miolo desta nova) se a persoa en cuestión está viva. Pero coidado, que todo cambia, un pouquichiño, se o internauta que agora se comunica connosco leva un mes a dous metros baixo terra. Isto que parece a trama dun filme barateiro de ciencia ficción pode ser posible sempre e cando entre en xogo o Club das derradeiras mensaxes (Last Messages Club) un servizo que, como o seu propio nome indica, permítenos ter vida internauta alén da morte. Ou sexa, que fai por nós o que dificilmente seremos quen de facer logo de ter deixado este mundo: a achega de correos electrónicos.
Detrás da iniciativa, conta En Memoria, sitúase un cidadán británico chamado Geoff Reiss, para quen está claro que existe un novo tipo de fenda dixital á que cómpre pór solución: a fenda que separa este mundo do outro.
A resposta, polo menos en parte, vén dada polo seu servizo, que entre outras moitas cousas achega a posibilidade de escribir en vida ata 100 cartas dixitais sobre calquera tema que se nos ocorra e logo ter a seguridade de que serán enviados cando corresponda (xa sabemos cando).
Cómpre sinalar que o servizo, que é de pago, está aberto a calquera asunto que desexamos tratar: dende ordes testamentais ou consellos ata mensaxes de despedida. Por certo que cada correo pode levar arquivos adxuntos variados (imaxes, vídeos), garantíndose en cada un dos casos a máxima privacidade. Segundo se conta na Rede, a experiencia non é precisamente nova, e xa se teñen rexistrado propostas semellantes hai uns cantos anos en España, froito da estratexia de medre da empresa navarra Global Spectrum e a través da páxina web Thelastemail.com.
En marcha un servizo en liña para enviar correos electrónicos… despois da morte
Compartir Este Artigo

