Europa, en teoría exemplo avanzado de sociedade inserida no dixital, aínda ten moito camiño que andar en materia de inclusión. E non somos nós quen o dicimos, senón a Unión Europea, que vén de chegar á conclusión, logo dun estudo sobre a Rede e o que estamos nela (ou deixamos de estar), de que un terzo dos cidadáns aínda non se introduciu, nin minimamente, nos segredos da Internet. O dato, con ser mellor có de 2007 (daquela rexistrouse un 40%), non deixa de ser preocupante. E máis aínda se temos en conta unha realidade: se o coñecemento é un dereito universal e nin sequera no suposto mundo avanzado se consegue poñelo a disposición de todas e todos, que non ocorrerá nos países en desenvolvemento? O informe da UE (feito sobre a base dos 27 estados membros para verificar a súa saúde dixital) achega máis datos para a reflexión. Por exemplo: algo máis de un de cada catro europeos nunca empregou un computador, e o 40% non dispón de conexión no seu propio fogar.
Os motivos da situación de escuridade dixital dunha boa parte das/os europeas/os xa non hai que buscalos só na falta de infraestruturas tecnolóxicas de acceso (aínda que aí resida gran parte da culpa, e en Galiza vímolo sufrindo dende hai anos, sobre todo no rural), senón tamén na crise económica ou, xa directamente, a falta de recursos de calquera índole. De feito, dentro do grupo que non conta con conexión na casa, un de cada catro sinalou que non a ten porque a economía persoal non dá para tanto. Por certo que entre as persoas que por uns motivos ou por outros máis viven de costas á Rede atópanse como era de agardar os maiores de 65 anos e os desempregados. Pola contra, os máis activos na Sociedade da Información son os mozos de entre 16 e 24 anos.
Un de cada tres europeos nunca navegou na Rede
Compartir Este Artigo

