O sistema operativo de código aberto Trisquel GNU/Linux estrea versión 3.0 baixo o nome chave Dwyn, que inaugura unha nova serie de versións con soporte a curto prazo e incluíndo versións moi recentes do software, cun maior rendemento e maior compatibilidade de hardware.
Este lanzamento conta con dúas edicións: a versión estándar e unha mini (orientada aos ultraportátiles ou a ordenadores de reducida potencia, e que estará dispoñible para a súa descarga nos vindeiros días). A versión estándar continúa a incluír as ferramentas fundamentais para construír un completo escritorio informático, mentres que a versión mini céntrase en solucións que consuman poucos recursos do sistema.
A versión estándar de Trisquel GNU/Linux 3.0 inclúe a versión 2.6.28 de Linux-libre, GNOME e Evolution 2.26, OpenOffice.org 3.0, GIMP 2.6 e un navegador web feito a medida e baseado en Mozilla. Tamén conta con utilidades coma Pidgin, Inkscape, Transmission, Brasero, Elisa… e mesmo xogos. Sobra dicir que tanto o sistema operativo como as aplicacións están debidamente traducidas ao galego.

Dispoñible para a súa descarga o Trisquel GNU/Linux 3.0
Compartir Este Artigo
