O pasado venres pola tarde o ITE Caixa Galicia de A Coruña acolleu unha nova edición de Iniciador Galicia, na que ducias de emprendedores e profesionais do sector tecnolóxico galego puideron escoitar e conversar con Jacobo Lázare, fundador da tenda DiscoAzul.com e da nova plataforma de compra, venda, envíos e pagamentos a través da Internet BidoBido.com, quen narrou a súa aventura empresarial e detallou os distintos atrancos que foi atopando na súa carreira, abrindo o debate sobre temas como a internacionalización, os modelos de negocio ou as dificultades de xuntar un bo equipo técnico dende unha cidade coma Lugo.
Lázare explicou como, ata o ano pasado, o seu negocio foi experimentando un crecemento interanual do 300%, chegando a unha facturación de 8 millóns de euros, con máis de 450.000 clientes en máis de 70 países e un marxe neto do 16%, detallando que pese a que conta cunha tenda física, a facturación da mesma só é o 1% do negocio. Pese ao bo funcionamento da tenda virtual DiscoAzul.com, o seu responsable non puido evitar diversificar actividades, de xeito que tamén entrou no negocio dos dominios de Internet premium (conta con algúns tan atractivos coma perros.com ou enviar.com, que xa está a explotar a través de distintos proxectos) e dende BidoBido.com céntrase nos sistemas de loxística e nas transaccións económicas a través da Internet para obter beneficios.
Sen dúbida unha interesante xornada na que os emprendedores poden aprender os detalles do nacemento dunha compañía galega emerxente e os xa introducidos no sector tecnolóxico infórmanse sobre o que estase a cocer dende Lugo, onde non só o polbo do San Froilán dará que falar nas vindeiras semanas.
Jacobo Lázare presentou varias das súas iniciativas empresariais na última edición de Iniciador Galicia
Compartir Este Artigo

