
A secretaria xeral de Modernización explicou que no caso do noso país, o grao de desenvolvemento da Sociedade da Información está marcado pola “profunda fenda” existente entre as pequenas e medianas empresas e as microempresas, mentres que as empresas de máis de dez empregados, “están nun nivel similar ás do resto das comunidades autónomas en canto a equipamento (o 97,7 por cento dispoñen de ordenadores) e de conexión a Internet (o 92,9 por cento)”.
Nembargantes, engadiu, “as empresas de menos de 10 empregados presentan niveis baixos de equipamento tecnolóxico e de presenza na Rede”. Así, mentres un 57 por cento deste tipo de empresas posúe ordenador, só un 46,7 por cento dispoñen de conexión a Internet, o que supón un 9,2 menos que a media estatal.

Proxecto ‘DifundeTic’
A secretaria xeral de Modernización aproveitou a ocasión ademais para falar a fondo do proxecto DifundeTic, unha iniciativa da Xunta orientada a impulsar a penetración das TIC nas empresas do país, e en espcial nas microempresas e autónomos.
O proxecto DifundeTic desenvolverase en diferentes polígonos industriais e parques empresariais de Galicia co obxectivo de sensibilizar aos empresarios ubicados nos mesmos das vantaxes que o emprego das TIC poden supoñer para as súas pemes.
Esta campaña de difusión realizarase entre os empresarios, os autónomos e o persoal das pequenas e medianas empresas a través dunha unidade móbil equipada con 12 ordenadores, cañón proxector e pantalla para demostracións desde a que se repartirán manuais- guías.
As actuacións de difusión incluídas neste proxecto exporán que é a Administración electrónica, a banca electrónica e a factura electrónica, e para qué serven, ademais de cómo implantar ferramentas de software libre para a xestión empresarial.

