
Ozona Tech, compañía tecnolóxica nada en Galicia e con máis de dúas décadas de experiencia no sector das Tecnoloxías da Información, vén de integrarse en Unikal Tech Partners, compañía multiespecialista do sector TI a nivel nacional. Segundo confirmaron dende Ozona, “a operación abre novas posibilidades para que as empresas galegas accedan a un abano máis amplo de solucións e coñecemento especializado para abordar os seus retos de dixitalización”.
Dende a empresa con sede en Santiago destacan a súa longa experiencia (dende os seus inicios en 2002) en tecnoloxías de virtualización, un camiño que a levou a desenvolver unha proposta de servizos e solucións IT de gran recoñecemento no sector. “Ao longo deste percorrido, ampliamos a nosa actividade e presenza máis aló de Galicia, mantendo o coñecemento técnico e a especialización como eixos da proposta”, engaden, lembrando que o seu principal ámbito de especialización é hoxe en día o posto de traballo dixital, un ámbito que xa lle valeu recoñecementos a nivel nacional neste tipo de proxectos e o aval dos principais partners tecnolóxicos do sector TI. Ademais, integra nos proxectos de Workplace infraestrutura hardware e servizos de alto valor engadido aos seus clientes.
A súa incorporación a Unikal permite sumar esta experiencia e reforzar as súas capacidades no deseño e evolución das contornas dixitais de traballo, unha área cada vez máis relevante para as organizacións polo seu impacto na produtividade, a colaboración e a experiencia dos empregados.
Unikal Tech Partners, que presta servizo a máis de 4.000 clientes, pechou o exercicio 2025 cunha facturación de 136 millóns de euros e máis de 800 profesionais. Con presenza en diferentes puntos de España, Unikal traballa cun modelo que combina especialización tecnolóxica e capacidades complementarias para dar resposta a proxectos de distinta complexidade.
Esta compañía estrutura a súa actividade en cinco grandes liñas tecnolóxicas: infraestrutura, sistemas e nube; ciberseguridade; desenvolvemento de aplicacións dixitais; datos e intelixencia artificial; e solucións de xestión empresarial.
Ozona Tech achega ao proxecto a súa traxectoria, coñecemento técnico e especialización no ámbito dos sistemas e as infraestruturas tecnolóxicas, xunto coa experiencia acumulada.
“Esta integración amplía así as capacidades que podemos poñer ao dispor das organizacións e favorece a colaboración entre equipos especializados”, explica Sebastián Santiago Area, actual director de Ozona Tech e responsable de Unikal en Galicia, quen salienta que a integración representa unha oportunidade para achegar novas capacidades tecnolóxicas ao tecido empresarial galego: “Ozona Tech desenvolveu durante máis de dúas décadas unha sólida especialización no ámbito do posto de traballo dixital, unha área estratéxica para as organizacións e en constante evolución. A nosa incorporación a Unikal permítenos achegar ese coñecemento e especialización a un proxecto que reúne capacidades tecnolóxicas sinérxicas, á vez que ampliamos as posibilidades de resposta ás necesidades dos nosos clientes”.
Segundo engade, a integración permitirá ás organizacións galegas “acceder a un ecosistema tecnolóxico máis amplo, con capacidades que abranguen desde a infraestrutura e a nube ata a ciberseguridade, o desenvolvemento de aplicacións dixitais, os datos e a intelixencia artificial, e as solucións de xestión empresarial”.
