O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebra a I Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, coa presenza dun nutrido número de colexiados, autoridades da Administración autonómica e municipal, do eido universitario e empresarios, que se achegarán ata a capital galega para presenciar a celebración dun evento pioneiro na nosa Comunidade.
Asisten, entre outras personalidades, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez (un dos galardoados), da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, así como dos reitores das Universidades de Santiago e A Coruña, Senén Barro e José María Barja Pérez, respectivamente.

O CPEIG, constituído en decembro de 2007, celebra por primeira vez esta Noite da Enxeñaría en Informática e nela vai entregar (tamén por primeira vez) os Premios CPEIG nas seguintes modalidades:
Colexiados de honra: -Jesús Vázquez Abad, actual conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, recibe o galardón polo seu decidido apoio, mediante diferentes iniciativas parlamentarias, á regularización dos estudos e da profesión de Enxeñaría en
Informática durante a súa traxectoria como deputado no Congreso. -Javier Rodeiro Iglesias, Gabriel Ferreiro Pena e Jesús Rodríguez Castro, presidentes da Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia (AEIG) en diferentes etapas. O colexio recoñece a súa loita para dotar a Enxeñaría en Informática dun código
deontolóxico e duns estatutos a prol dunha profesión digna e autónoma. Como fito da asociación, cómpre destacar a creación do propio do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

Proxecto Innovador:
A e-receita, desenvolvido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas),naceu co obxectivo de modernizar a sanidade galega a través do uso intensivo das Tecnoloxías da Información. A iniciativa permite a dispensación farmacolóxica por medios telemáticos e transforma a relación da poboación galega con médicos e farmacéuticos. Na actualidade, máis de 1,5 millóns de receitas ao mes realízanse por medios telemáticos.
Como patrocinadores de ouro do evento, o CPEIG conta co apoio de Bahía Software, Xunta de Galicia e HP; como patrocinadores de prata figuran Telefónica, o Concello de Santiago e Plexus; e, finalmente, como patrocinadores de bronce, o colexio conta coa colaboración de AGESTIC, Balidea, Coremain, Ednon, La Caixa e Tecnocom.
O CPEIG celebra hoxe en Compostela a I Noite da Enxeñaría en Informática
Compartir Este Artigo

