Seguimos dando conta de encontros empresariais con novas tecnoloxías da información como pano de fondo e, tamén, como piar do eixe temático. Da man de AJE A Coruña, precisamente, chegan a Santiago as segundas Xornadas Internacionais de Coaching, unhas xuntanzas que contarán co apoio de entidades como a asociación empresarial Ineo (integrada por empresas do eido tecnolóxico-dixital) e que se van desenvolver entre o 30 de setembro e o 1 de outubro. A idea da organización, os empresarios mozos da Coruña, é repetir o éxito da primeira convocatoria (na que se reuniron máis de 200 asistentes) e ir alén dos seus obxectivos orixinais, tanto en número de participantes como en cuestións debatidas. O encontro, que conta con QCoach como partner, xirará como o seu propio nome indica arredor das prácticas máis innovadoras de coaching (adestramento), ou sexa, da metodoloxía que se dirixe a mellorar as capacidades do empresario, a xestión do tempo, as relacións laborais e a comunicación con socios e clientes.
Segundo apunta Ineo na súa páxina web, nas xornadas participarán expertos estatais e internacionais en talento, liderado e coaching; como Juan Carlos Cubeiro ou o estadounidense Robert Dilts, un dos “máis prestixiosos mestres da programación neurolingüística”, sinala a organización. Asemade, farán acto de presenza nos encontros Alexandra Lemos, Joaquín Dosil, Almudena Eizaguirre e Vicens Olivé. O programa, entre outras actividades, incluirá obradoiros, presentacións e sesións de traballo en liña (networking). O emprazamento destes encontros será a Aula de Cultura da Fundación Caixa Galicia, situada na rúa Carreira do Conde de Santiago.
A innovación na empresa, ao descuberto nas Xornadas Internacionais de Coaching
Compartir Este Artigo

