Este mércores 17 de novembro abre as súas portas o salón-congreso SITE no recinto EXPOCoruña, principal promotor deste evento de dúas xornadas de duración. SITE, que se estrea no panorama congresual galego e español tomándolles o pulso ás tecnoloxías de vangarda no eido dos negocios ou da eAdministración, dará acubillo ao acto oficial de apertura arredor das 11.30 horas, nunha sesión-relatorio que contará coa presenza do conselleiro de Economía, Javier Guerra. No acto de inauguración tamén participarán o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e máis o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña e presidente de SITE, Gonzalo Ortiz.
Tamén está previsto que interveñan diversos profesionais e autoridades en representación das entidades que apoian a celebración de SITE, entre as que se contan o propio Concello da Coruña, Caixa Galicia, R, Caixanova, Inditex, Credit Agricole, Banco Pastor ou o Cluster TIC de Galicia.
Ó longo das dúas xornadas do salón-congreso achegaranse todo tipo de emprazamentos para o fornecemento e o intercambio de información arredor do fenómeno dixital, unha nova orde de cousas que está a mudar a face e o fondo da actividade empresarial, das relacións coas administracións e, en definitiva, do noso xeito persoal de comunicarnos. Así, grandes compañías de servizos tecnolóxicos como Accenture, IBM, Tecnocom ou Microstrategy daranse cita no espazo feiral de SITE para dar conta dos seus achados, ao tempo que os responsables de entidades punteiras na aplicación desta tecnoloxía avalían as súas oportunidades estratéxicas, entidades entre as que se atopan Inditex, Pescanova, o Ministerio da Presidencia, PricewaterhouseCoopers, R ou LTC Project, entre outras.
“Por primeira vez”, sinala o comité organizador de SITE, “un evento feiral habilita na cidade un punto de encontro do mundo da innovación en banca, comercio electrónico e administracións públicas, un escaparate no que descubrir as tecnoloxías prometedoras de man das empresas punteiras dentro do seu espazo expositivo”.
Entre outros convidados de excepción, a sección congresual de SITE contará coa presenza de Chris Skinner, quen inaugurará esta liña de actividade cun relatorio sobre o futuro dos servizos financeiros, tema no que está considerado un experto mundial.
SITE abre as súas portas este mércores 17
Compartir Este Artigo

