
Entre os expertos que van participar nas xornadas atopamos a relatores de especial renome (tanto polo que son como polas entidades que representan), como Chema Alonso (Informática64), Ángel Prado (Microsoft) ou Raúl Benito (Google), entre outros. O abano de temas será ben variado, aínda que presentado baixo a ligazón común da seguridade en liña: virus, malware, análise forense, criptografía, computación na nube, seguridade web, RFID… Polo que respecta ao interese suscitado a nivel galego e estatal polas xornadas, cómpre sinalar que este foi alén das expectativas da organización e mesmo botan por terra as cifras achegadas esta semana dende esta mesma web de Código Cero. De feito, apunta o GSIC, o número de rexistrados nestes encontros achégase ao milleiro, entre estudantes da propia Facultade da UDC e profesionais do sector das novas tecnoloxías da información e da consultoría TIC. “Autobuses de institutos e universidades doutras provincias como Asturias ou León tamén se achegarán para asistir ás xornadas”, informa a UDC, que engade tamén que “tódolos obradoiros rexistraron un cheo absoluto en tan só media hora desde o seu inicio de rexistro, o que obrigou á organización a duplicar algúns deles”.
As xornadas sobre seguridade que comezan este xoves na Coruña rachan expectativas de asistencia
Compartir Este Artigo

