
O blog, posto en marcha para servir de plataforma de difusión de todo o que se publica e se organiza arredor do poeta monfortino, é tamén un emprazamento fixo para tódalas persoas que queiran afondar na traxectoria de Pereiro. A páxina, que presenta outro formato con respecto á feitura da que dimos conta no verán, achega novas sobre o autor e contidos ampliados acerca da súa vida presentados en diferentes formatos: gráficos e audiovisuais (poemas, fotos e gravacións de audio e vídeo). Por certo que estes contidos son de utilización libre para usos non lucrativos.
Asemade, informan os responsables da páxina (Algueirada), permítese a subida de ficheiros elaborados tirando proveito do material libre, para logo seren descargados ou divulgados. Tamén se incorporou un calendario para dar conta das (moitas) diferentes actividades conmemorativas arredor do poeta, moi útil de cara á vindeira celebración do Día das Letras, que ten a achega Pereiro como alicerce básico. A todo isto hai que engadir o grupo de Facebook de seareiras e seareiros do autor galego (e que ten un milleiro de persoas inscritas), amais do colectivo habilitado en Twitter. O blog que nos ocupa foi desenvolvido por Algueirada coa colaboración da Consellería de Cultura.
As actividades conmemorativas arredor de Lois Pereiro, polo miúdo na Rede
Compartir Este Artigo

