
Comezamos. Como era máis que previsible, os medios dixitais onde máis e mellor se fala estes dias de Lois Pereiro, o poeta monfortino festexado na nova edición das Letras, son os medios dixitais que apostan polo galego. Xornal.com, nesta liña, ofrece un máis que amplo feixe de contidos, con artigos de Alberto Ramos, Iago Martínez, Manuel Rivas ou Marcos Calveiro, e (entre outras cousas) cun apartado sobre a visión dos fotógrafos que o retrataron (como Vari Caramés, que achegou á Rede unha fermosa serie de pequenos anacos da vida de Pereiro). Todo isto e máis pode verse no máis que completo suplemento publicado por Xornal este 15 de maio, dispoñible en formato pdf, cuxa portada reproducimos na imaxe.
Salientar tamén a contribución de Galicia Hoxe, que abre a súa edición dixital deste luns 16 cunha reportaxe onde se reflicten (entre outras cousas) as lembranzas que Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta, garda de Lois, a quen considera non só un dos máximos responsables da renovación das nosas Letras nas pasadas décadas, senón tamén un dos grandes culpables de que o labor literario deixase atrás certos estereotipos formais, volvéndose máis accesible e encarnándose en feituras de modernidade con firmes conexións aos grandes artistas europeos do seu momento. Isto explicaría, reflicte Galicia Hoxe, o importante interese que espertou a figura de Pereiro a tódolos niveis da nosa sociedade.
Importante tamén é o seguimento sobre a festa deste martes que se está a facer dende as webs do Consello da Cultura Galega, publicando o facsímile e o estudio crítico da revista Loia (na que Lois Pereiro presentou unha parte da súa obra), achegando unha relación completa dos actos previstos para a xornada das Letras e (tamén) poñendo a disposición dos internautas contidos audiovisuais de toda índole para reivindicar e celebrar a figura do autor monfortino. Esta última sección, chamada Cinema Lois, é unha escolma de diversos achegamentos fílmicos á figura de Pereiro, a celebración do Día das Letras “máis multimedia”, en palabras do Consello da Cultura, reflectida a través de videocreacións, curtametraxes e documentais de diversos autores e procedencias.
A parte do importante labor xornalístico que ofrecen os devanditos medios, aos que cómpre engadir tamén a contribución de A Nosa Terra (moi salientable os días pasados, malia que este luns 16 na redacción de Código Cero foinos imposible acceder ao seu sitio web), é preciso destacar igualmente o gran labor de divulgación levado a cabo dende o blog loispereiro.blogaliza.org (a bitácora dixital que centralizou e centraliza a información xerada na Internet arredor do poeta, dando conta de todo tipo de contidos e accións arredor del: teatro, música, conferencias, lecturas públicas, audiovisual) e máis o traballo de promoción desenvolvido ao abeiro de Mundo Lois, complemento dixital do espectáculo teatral do mesmo nome, estreado o 4 de marzo no Auditorio de Vigo e posto en marcha por un equipo de creadores galegos entre os que se atopan Lino Braxe a Antón Reixa.
Os medios galegos fornecen múltiples achegamentos dixitais a Lois Pereiro
Compartir Este Artigo
