
A Cidade das TIC acolleu este mércores 25 a presentación de cinco proxectos tecnolóxicos galegos que teñen o común o seu alto compoñente innovador. Déronse a coñecer no marco do programa Tech Angels, co que o Clúster TIC Galicia busca conectar emprendedores e startups con compañías tecnolóxicas consolidadas para explorar diferentes vías de colaboración e traballar conxuntamente.
Os proxectos presentados foron unha aplicación móbil para persoas que viaxan en autocaravana, unha canle entre establecementos e a súa clientela, unha plataforma que certifica arquivos con tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain) un comparador de prezos de diferentes tendas que recomenda onde e cando mercar ou asistentes de IA para hostalaría.
O programa Tech Angels, financiado polo IGAPE, contou nesta ocasión co apoio dos socios Aethorix, Aldaba, Alfredo Castro, Cinfo, IP Global e Quobis.
O obxectivo da xornada foi, en palabras do Clúster, “conseguir que houbese match entre algunha das propostas sinaladas e estas empresas e investidores”. De ser así, os participantes escollidos terían acceso a coñecemento especializado, mentoría e soporte tecnolóxico para converter as súas ideas en solucións que lles permitan acelerar e optimizar os seus modelos de negocio.
Deseguido damos conta dos proxectos presentados.
Vango: unha aplicación para o viaxeiro europeo de caravaning
Lorena López e Jamir Del Carpio están detrás de Vango, unha aplicación móbil que ofrece planificación de rutas e paradas, un buscador de áreas de pernocta con datos técnicos verificados (auga, electricidade, servizos), unha comunidade para compartir itinerarios e seguridade mediante localización en tempo real.
O obxectivo é paliar a fragmentación de información e a falta de datos verificados noutras plataformas de características similares, o que xera incerteza no viaxeiro, ademais de fomentar un modelo de turismo sostible e responsable, integrado coa normativa municipal.
Comunidades: unha canle única entre os establecementos e a súa clientela
Liderado por Manuel Alonso, Celia Soneira e Sandra Añon, Comunidades preséntase como unha plataforma dixital que conecta establecementos coa súa comunidade de clientes mediante unha aplicación móbil propia e un panel de xestión centralizado, onde publicar actividades, novidades e avisos.
Parte dunha base funcional común e con posibilidade de ser configurada, que se personaliza para cada espazo ou negocio, o que reduce custos e tempos de posta en marcha.
Rootsure: evidencia dixital e integridade de arquivos
Ricardo Coronel e Gianfranco Lombardo son os impulsores de Rootsure, unha plataforma e capa de infraestrutura que permite certificar a existencia e a inalterabilidade de documentos, xerados por persoas ou axentes de IA, mediante pegadas dixitais ancoradas en blockchain con verificación pública.
A solución está pensada para empresas dos sectores legal, financeiro, recursos humanos e desenvolvemento de software que necesitan garantir a rastrexabilidade das súas entregas.
Radar: un comparador de prezos que recomenda cando e onde mercar
Manuel Basante dirixe RADAR, unha plataforma web que responde a un problema habitual nas compras en liña: a información está dispersa entre moitas tendas e as ofertas non sempre representan descontos reais. Para emendalo, Basante propón reunir nun mesmo espazo ofertas de distintas tendas, analizar o seu prezo actual respecto ao mercado e á súa evolución histórica e xerar unha recomendación sinxela de compra, espera ou seguimento.
Zyvo: asistentes de IA para hostalería
Hugo López, cociñeiro de profesión, é o CEO e promotor de Zyvo, un equipo de asistentes con IA para resolver os problemas habituais en restaurantes e negocios de hostalería: a xestión integral por parte dos responsables do negocio; a falta de comunicación entre cociña e sala, e a fragmentación do software que existe actualmente no sector. Poderá utilizarse de forma sinxela, a través de audios ou con mensaxes desde o móbil, e todo quedaría conectado nun único panel web. A plataforma contempla incluír módulos de facturas, reservas por WhatsApp e web, carta dixital e comandas, fichaxes con rexistro horario legal e inalterable, así como páxinas web.


