O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) quere seguir alentando o espírito das Xornadas de Audio e Gráficos con Software Libre, uns encontros que van pola súa terceira edición e que salientan, entre outras cousas, polo alto nivel de traballo cooperativo acadado. Este da colaboración e o intercambio de coñecemento será o alicerce sobre o que se asente a vindeira actividade do GPUL: as Xornadas Multimedia con Software Libre, que se celebran na Facultade de Informática da Universidade da Coruña os días 12 e 13 de xullo.
Esta vontade de implicar á meirande cantidade de xente posible e do xeito máis activo estase a materializar xa dende hai días, cun chamamento do GPUL á comunidade galega de código aberto e, en xeral, a tódolos seareiros das novas tecnoloxías, para que asistan ou participen nas xornadas, enviando unha proposta de charla ou obradoiro.
Todo arredor da seguinte temática: o eido multimedia.
Con todo, establécense unha serie de requisitos, tanto formais como de contido.
· Temáticos: a actividade deberá estar relacionada co software libre ou coa columna vertebral das xornadas: render, animación, deseño gráfico, vídeo, audio… As propostas poden ter todo tipo de enfoques: divulgativo, desenvolvemento, investigación…
· Lingua: poderanse presentar propostas en galego, castelán, portugués, inglés ou francés.
· Software: tódolos programas referenciados deben ser compatibles coa definición de software libre da FSF.
· Gravación e distribución dos contidos: o relator autoriza á organización a facer unha gravación da súa intervención, así como distribuír tanto a gravación como o resto do material empregado durante a súa intervención baixo unha licenza libre.
As propostas deberán enviarse a través dun formulario especificamente habilitado ou ben por correo a xm@gpul.org. A data límite para a achega de actividades será o 25 de xuño, estando programada para dous días máis tarde a notificación de aceptación das propostas.
O GPUL fai un chamamento para asistir e/ou colaborar nas súas Xornadas Multimedia con Software Libre
Compartir Este Artigo
