
De feito, a nivel loxístico esta rede CeMIT estase a equipar con sistemas operativos, solucións e ferramentas informáticas baseadas en software libre e fontes abertas, colaborando así na súa difusión. Alíñase deste xeito coa política de promoción, difusión e fomento da utilización de tecnoloxías baseadas en Software Libre (SwL) e Software de Fontes Abertas (SFA) que está a levar a cabo a Secretaría Xeral de Modernización e Inclusión Tecnolóxica e que ten como máximo expoñente o Plan de Acción en Materia e Software Libre e de Fontes Abertas (FLOSS, de Free/Libre/Open Source Software). Estas tecnoloxías proporcionan grandes vantaxes xerais, ao permitir achegar as TIC cun menor custo a toda a cidadanía, contribuíndo así ao obxectivo da rede CeMIT de reducir a fenda dixital, dotando á poboación, con independencia dos seus recursos, da competencia dixital que na sociedade actual constitúese como base fundamental para o emprego de calidade, a cohesión social e a calidade de vida.
A difusión das tecnoloxías FLOSS que está a levar a cabo a rede CeMIT require tamén da capacitación dos axentes TIC no eido do software libre. Con este fin, organizarase no mes de setembro un curso de introdución ao código aberto cuxos principais obxectivos son:
1. Ver e comprender os aspectos diferenciais das aplicacións Software Libre e software privativo.
2. Proporcionar unha visión persoal das aplicacións de Software Libre e o seu posible uso no entorno laboral, en concreto no ámbito laboral dos responsables das aulas CeMIT.
Este curso que conta cun horario único de 10 a 14 horas organízase en catro xornadas provincias de cara a favorecer un impacto ao maior número de axentes posibles. Así os datos relativos a estas xornadas son: – Día 19 na aula CeMIT de Santiago. Aula Centro Multimedia de Galicia. Rúa Hórreo 61-2º – Día 20 na aula CeMIT de Lugo. Centro Lamas de Prado. Praza do Castiñeiro, s/n – Día 21 na aula CeMIT de Ourense. Avda. Progreso 44 – Día 22 na aula CeMIT de Vigo. Rúa Oporto, 1
A rede CeMIT convoca no mes de setembro catro xornadas de formación en programación libre
Compartir Este Artigo
