Este martes celébrase en Santiago un evento multitudinario que, sen ser tematicamente cuestión de prioridade en Código Cero, apenas se entende, formalmente e de contido, sen a cuestión que nos atinxe: as novas tecnoloxías da información. Estamos a falar do Día do Emprendedor de Galicia na súa edición compostelá, encontro que vén da man da Consellería Economía (co IGAPE e BIC Galicia) e que servirá, entre outras moitas cousas, para pór de manifesto a importancia dos devanditos recursos dixitais á hora de asumir tódolos restos que esixe unha iniciativa empresarial, dende o primeiro elo da cadea ata o último. Estímase que a celebración reúna a máis de 2.000 persoas en Compostela, no Pazo de Congresos, ao longo de toda a xornada deste martes 25.
Segundo informa a organización, a xuntanza dará a acubillo a máis de medio centenar de relatores, algúns deles representantes das institucións públicas ligadas ao emprendemento e á innovación e outros moitos empresarios e profesionais convocados para dar conta das súas experiencias perante todas aquelas persoas que estean a piques de pór en marcha a súa propia iniciativa. Tematicamente, a xornada tocará asuntos como as posibilidades do mercado actual (nichos de potencial), as vantaxes das novas ferramentas e servizos tecnolóxicos (como a computación na nube), a busca de financiamento para empresas tecnolóxicas, etc.
Programa das xornadas en formato PDFCómpre lembrar que a cita de Santiago non foi a única, e que o Día do Emprendedor xa tivo edicións recentes en Ourense e Lugo, o 18 e o 20 de outubro. As sesións comezarán a primeira hora, da man do socio fundador e accionista primeiro de Intercom, Antonio González. Para tódalas persoas que non poidan acudir ao Pazo de Congresos ou que queiran completar o que alí se debata e se expoña, dicirlles que poderán facer un seguimento exhaustivo do encontro a través das diferentes redes sociais. Entre as institucións presentes na celebración estará a Consellería de Educación, que estes días está a celebrar unhas xornadas para fomentar o espírito emprendedor do alumnado e profesorado de 4º de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, dentro das accións que se están a realizar para o Día do Emprendedor 2011. As accións desenvólvense ata o día 25, precisamente.
A xornada poderá ser seguida a través das redes sociais. As novidades do encontro estanse a comunicar no seu espazo en Facebook en LinkedIn e en Twitter. Ademais, a xornada será retransmitida a través de Twitter para todos aqueles emprendedores que non podan achegarse a Santiago de Compostela.
O Día do Emprendedor de Galicia celebrarase este martes coa vista posta nas TIC
Compartir Este Artigo

