Segundo nos conta o equipo de GalApps, a suite de aplicacións de lingua galega para Android da que xa temos falado en detalle, hai novidades con respecto ao alcance deste feixe de ferramentas: a súa capacidade de chegar á meirande cantidade usuarios, clave de calquera achega destas características. De feito, agora é máis que nunca universal, xa que alén do uso que lle podamos en móbiles co dito software libre, pódese empregar tamén, en virtude da versión iOS, en iPhone e iPad.
Concretamente estamos a falar das ferramentas ConxuGalego, DicionarioGalego e TradutorGaleto, todas elas integradas na suite GalApps, Toda a Lingua Galega no teu Peto. A suite, como recordaremos, permite conxugar verbos en galego, buscar o significado de termos galegos e traducir textos do galego ao español, catalán, inglés ou francés, e viceversa. Agora, esta é a gran novidade, tamén se pode facer en trebellos de Apple. Con isto, informan dende GalApps, temos unha lingua, a nosa, que é a primeira en dispor dun feixe específico de aplicacións para as dúas plataformas móbiles.
As aplicacións pódense descargar de balde na AppStore de Apple. Están dispoñibles a través das seguintes ligazóns:
· ConxuGalego (AppStore) (Android Market)
· DicionarioGalego (AppStore) (Android Market)
· TradutorGalego (AppStore) (Android Market)
Detrás deste desenvolvemento está o mesmo equipo responsable das anteriores achegas: Sabela Barreiro, Xurxo Méndez e Juan Porta. Amais do espazo de seu para estas aplicacións, e con vistas a recollermos máis información sobre a súa liña de traballo, dicir que tamén está en activa unha conta en Twitter, onde se informa polo miúdo das actualizacións, sempre de balde, das aplicacións.
As ferramentas lingüísticas de GalApps, dispoñibles xa para iOS
Compartir Este Artigo

