Lánzase oficialmente GalApps, a suite de aplicacións de lingua galega para Android

luns, 23 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

A comunidade internauta galega segue adiante co seu traballo a prol de darlle visibilidade e uso, por medio dos máis innovadores desenvolvementos, á lingua propia. Sen dúbida, unha das achegas máis salientábeis deste punto de inflexión 2011-2012 é a que vén da man de GalApps, proxecto que se materializa en varios recursos lingüístico-tecnoloxicos complementarios, por exemplo un tradutor de galego para móbiles ou ben un dicionario galego (tamén) para o noso dispositivo. Coa promoción do galego como nexo común e baixo o epígrafe Toda a lingua galega no teu peto, GalApps vén de ser obxecto dun novo pulo co seu lanzamento definitivo na Rede como suite de aplicacións da lingua galega para móbiles Android.
Así nolo contan os responsábeis deste proxecto (un equipo de desenvolvedores constituído por Sabela Barreiro, Xurxo Méndez e Juan Porta), que quixeron presentar todo o seu traballo (as devanditas plataformas e máis o seu conxugador, ás que de seguro se unirán outras en breve) a través dun só acceso, porta ou sinal distintivo. Xa nolo avanzaron con motivo do lanzamento do seu tradutor: as ditas ferramentas xuntas “constitúen, dalgún xeito, unha unidade, unha especie de suite de aplicacións da lingua galega para o móbil”. O resultado é este feixe de recursos:
· ConxuGalego.
· DicionarioGalego.
· TradutorGalego.
En opinión dos responsábeis destas achegas, estamos ante “un recurso lingüístico, educativo, cultural e turístico importante e único; ningunha outra lingua dispón de un conxugador, un dicionario e un tradutor integrados para o móbil”. A mesmo tempo, son un achegamento da lingua galega e Galicia ás novas tecnoloxías, á actualidade. Boa proba disto, informan, é o seguimento que GalApps está a ter no Twitter, o número de aplicacións descargadas (máis de 2500), ou a repercusión que está a ter na Internet. “E todo isto”, engaden, “partindo de cero, somos tres compañeiros que desenvolvemos estas aplicacións a nivel particular”. Para máis información sobre estas ferramentas e os novos proxectos en camiño, cómpre visitar a web do grupo de desenvolvemento ou ben o seu espazo propio en Twitter, sitios nos que se leva a cabo a meirande parte da súa actividade na Rede e nos que se informa, tamén, das actualizacións (de balde) das distintas aplicacións de GalApps. Amais disto, tamén hai conta propia no Facebook.

PUBLICIDADE