O vindeiro venres terá lugar a 29º edición do encontro tecnolóxico-grastronómico LaconNetwork, que desta volta desprázase ao cuarto andar do Real Club Náutico de Sanxenxo para xuntar ao redor da mesa a numerosos emprendedores do sector tecnolóxico galego, que participan así dunha xornada de confraternización da que poden xurdir sinerxías futuras e que contribúe a cohesionar o sector na nosa comunidade autónoma dun xeito informal.
Xa está aberta a inscrición para este evento, de xeito que os interesados en asistir deberán aboar por adiantado os 21 euros en concepto de xantar, podendo saberse máis detalles sobre os profesionais que acudirán a través do evento de Facebook desta edición.
Aparte da habitual relación tanto informal como profesional que pode establecerse con outros participantes, a LaconNetwork estará aderezada con empanada, pans con xamón, tomate e aceite, tortilla, bocadillos, cucuruchos de gambas, emparedados, chocos, pizza, croquetas e bebida, de xeito que os asistentes non deberían de abandonar o evento con fame.
A LaconNetwork viaxa a Sanxenxo o vindeiro venres
Compartir Este Artigo

