Co obxectivo de mellorar o sistema de xestión interna dos establecementos hostaleiros de toda Galicia, o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia pon a disposición dos usuarios na súa web a partir de hoxe unha ferramenta pioneira de xestión, deseñada polo propio IET, que permite unha xestión profesional e máis operativa aos responsables dos pequenos establecementos hoteleiros de Galicia que carezan de dispositivos e ferramentas tecnolóxicas axeitadas para realizar o seu traballo cotián como realizar reservas e facturas nunha base ordenada de clientes; procurar e modificar esas reservas ou facturas apropiadamente en función das características de cada pensión e de cada cuarto dispoñible; obter informes de xestión e planificación semanais e/ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación; isto é, operacións do día a día que afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de limpeza, de todo o cadro de persoal.
Os principais beneficios que reportará aos hostaleiros este software de acceso libre serán: contar cun sistema de xestión sen realizar un desembolso económico porque non require pago de licencias e non ter restricións para a súa modificación, porque é un sistema de código aberto que permite ao hostaleiro adaptar o dispositivo ás necesidades específicas da súa empresa.
Ademais é un código independente do sistema operativo que posibilita a xestión de todo o ciclo de vida da reserva, e dende que o cliente chama ata a facturación final. É sinxelo, áxil e intuitivo no uso, polo que se aprende axiña, e facilita a coordinación con diferentes entidades e organismos estatísticos. Coñecer e poder modificar os prezos dos cuartos en función das características dos mesmos e diferenciar entre os variados axentes son aspectos que se poden manexar doadamente a través deste dispositivo dixitalizado e que ademais nos permitirán coñecer mellor os perfís dos viaxeiros.
Deste xeito, os establecementos xerarán datos grazas a esta aplicación cedida libre e gratuitamente polo IET de Galicia, que serán enviados tanto ao Instituto Nacional de Estatística (INE), como á Policía Nacional, que recibirá cada entrada nos establecementos. A recollida de datos axustarase xa dende o inicio aos estándares de envío de ficheiros destes dous organismos, un método que permitirá obter datos máis fiables, previndo erros na escrita ou na dixitalización dos datos, pois extraerá directamente a información do sistema de xestión.
O IET publica unha ferramenta aberta para a xestión de establecementos de hostalaría
Compartir Este Artigo
