
A cita compostelá, que reuniu a máis de 400 especialistas internacionais en código aberto, acubillou entre outras cousas unha mesa redonda con representantes das administracións públicas que teñen apostado por este tipo de ferramentas. O seu cometido na xuntanza foi falar de cadansúa experiencia de integración de tecnoloxías libres no ámbito das institucións ao tempo que deron conta das metodoloxías empregadas para acadar o máximo aforro, principalmente debido ao reemprego de código nos proxectos tecnolóxicos públicos. Por certo que a visión galega achegouna Adrián Lence, director de Infraestruturas e Comunicacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que afirmou na devandita mesa redonda que “o éxito do software libre é incuestionable, e hoxe en día é un piar da Axencia Dixital galga pola súa calidade e a súa eficiencia orzamentaria”. Lence achegou en cifras o aforro por empregar programas abertos en algúns dos seus proxectos (como o proxecto Abalar para dixitalización das nosas aulas), engadindo que “só entre os anos 2010 e 2011 o aforro superou os 2,5 millóns de euros, logrando ademais reducir nun 30% os custes de mantemento e un 27% o consumo enerxético”. Outras estimacións amosaron que en relación aos custes totais de propiedade da distribución educativa Abalar, “en cinco anos aforraranse máis e 1,8 millóns de euros na parte cliente e 3,7 millóns de euros na parte servidor”.
Pola súa parte, a visión europea veu da man do italiano Carlo Daffara, asesor en software libre para a Unión e arestora membro de CENATIC (achegando a súa experiencia para un informe sobre aforros derivados dos programas abertos), quen fixo fincapé nos devanditos 450 mil millóns de euros que se deixan de gastar nun ano grazas ás ferramentas de open source.
Na cita tamén participou Júlio Cezar Neves, asesor do presidente do Servizo Federal de Procesamento de Datos do Goberno de Brasil, quen fixo saber o valor das comunidades asociadas aos proxectos da Administración que son ceibados. Neves sostivo que “aínda que se trate de proxectos públicos, é imprescindible apoialos en comunidades de desenvolvedores xa existentes ou creadas para estas aplicacións”. De feito, dixo, os usuarios introducen máis innovacións cás propias empresas, e un colectivo de programación aberta, pola súa forma de funcionar, é a mellor maneira de aproveitar esas innovacións, mellorando e evolucionando o código, xerando ademais riqueza nas empresa de ámbito local, que coñecen o código e pódeno aproveitar para os seus produtos.
Na mesa redonda tamén interveu Manuel Velardo, director xerente do Centro Nacional de Referencia para o Software Libre en España (CENATIC), que afirmou que se están a especializar en pór en mans da comunidade aplicacións das administracións públicas no Estado. Até o de agora, dixo, iniciaron o proceso os ministerios do Interior, co controlador do DNI electrónico, Educación, Facenda e Administracións Públicas, coas súas solucións de sinatura dixital, e outras entidades como Red.es ou o Goberno de Estremadura co LinEx. Un dos traballos de CENATIC estase a desenvolver arestora para o Ministerio de Industria, sinalou, e ata o de agora “permitiu aforrar 2,5 millóns de euros grazas á incorporación de software aberto nas licitacións da ferramenta SIGM, unha das aplicacións da Plataforma PALS, e exemplo de liberación de construción de comunidades de desenvolvedores arredor das aplicacións de software da Administración”.
Expertos sinalan en Santiago que o código aberto aforra 450 mil millóns á economía europea, cada ano
Compartir Este Artigo
