
O presidente da Xunta de Galicia referiuse á Axenda Dixital 2014.gal, “que dous anos despois da súa posta en marcha conseguiu avanzar na modernización da Administración e da Xustiza; na transformación do sistema educativo con iniciativas como Abalar; na vertebración territorial de Galicia grazas ao Plan de Banda Larga; na mellora continua da sanidade a través de proxectos tecnolóxicos nos que a comunidade é líder, como a receita electrónica ou o historial electrónico; e apoiando economicamente grandes proxectos tecnolóxicos innovadores. A estas medidas uniuse a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia”.
Tamén adiantou que na vindeira lexislatura aprobarán a Lei de desenvolvemento dixital de Galicia, que permitirá que a nosa comunidade continúe nunha boa posición no impulso das redes de telecomunicacións de alta velocidade na liña coas directrices marcadas pola Unión Europea, que establece que para o ano 2020 o 100% da poboación poida gozar de conexións á Rede de 30 Mbps e o 50% a 100 Mbps. Así mesmo, destacou a blindaxe das telecomunicacións como un servizo público máis para todos os galegos “e para conseguilo daremos continuidade á tramitación da Lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia”.
Núñez Feijoo preside a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información no Grove
Compartir Este Artigo

