O vindeiro 6 de novembro o Centro Demostrador TIC acollerá a II Xornada de Xestión de Empresas con Software Libre. A primeira edición, celebrada en 2011, recibiu unha importante demanda de asistencias que superou o número de prazas ofertadas, o que dá conta da boa acollida que tivo entre as PEME galegas.
O obxectivo desta xornada é facer un percorrido por distintas solucións tecnolóxicas que permitan incrementar a produtividade das empresas a través da mellora da súa xestión, co nexo común de seren todas elas solucións con licenza libre. O emprego deste tipo de tecnoloxía facilita, como se puido ver na pasada Libre Software World Conference, un aforro no investimento tecnolóxico.
Programa da xornadaO programa da Xornada, que se celebrará de dez da mañá a dúas da tarde comezará coa presentación dun sistema de xestión intelixente das comunicacións baseado programa de software libre Asterisk por parte da empresa Conexiona. A continuación Begano, distribuidora galega dos produtos baixo as marcas da compañía Coca-Cola, compartirá cos asistentes ás Xornadas a súa experiencia na implantación deste sistema de comunicación na súa empresa.
A sesión continuará coa presentación por parte de Igalia de LibrePlan, ferramenta colaborativa para planificar, monitorizar e controlar proxectos nas empresas que está a ser empregada por diversas empresas e organizacións internacionais. Pola súa parte, Queres Tecnología, exporá as claves do xestor documental baseado en estándares abertos Alfresco para que as empresas colaboren e xestionen eficazmente a información corporativa. Pechará a Xornada, Estrella Galicia como caso real de implantación Alfresco.
A sesión vai dirixida aos profesionais e persoal técnico, autónomos e/ou xerentes ou directivos das empresas da nosa comunidade, tanto do sector público como privado.
O CDTIC acollerá unha xornada sobre a xestión de empresas con software libre
Compartir Este Artigo
