As novas consolas de Nintendo serán as grandes estrelas desta campaña de Nadal, pero parece que en Canadá non queren dar por morta a vella Wii, e relánzana cun novo deseño en negro mate e vermello brillante a un prezo reducido (99,99 dólares, o que serían ao cambio uns 77,27 euros) co que buscan gañarse aos consumidores que aínda non se fixeran con tal consola e prefiran agardar a mercar a súa sucesora. A Wii Mini, ao adoptar un tamaño inferior, tamén ten que prescindir da compatibilidade con xogos e mandos de GameCube (como xa fixera a Wii que lanzou Nintendo o ano pasado). A consola tamén prescindirá dos modos de xogo en liña, posto que carece tanto de porto Ethernet coma de Wi-Fi.
A Wii Mini comezará a venderse en Canadá a partir do 7 de decembro, e é de agardar que logo chegue ao resto de mercados, aínda que a súa compra non parece do máis recomendable (pese a que a Wii conte cun catálogo de máis de 1.300 xogos), posto que o ciclo de vida da Wii achégase á súa fin coa Wii U e, de feito, dende Nintendo aseguran que non están a desenvolver novos xogos para Wii, senón que están a centrar os seus esforzos na Wii U e na Nintendo 3DS.
Nintendo sorprende presentando unha Wii Mini en Canadá
Compartir Este Artigo
