
Rising Hope conta unha historia de superación persoal e amizade, a través “dun bonito conto no que un cabalo de carreiras deberá recuperar a ilusión perdida para lograr o seu soño”, informan os organizadores de Animacam. O filme, producido polo estudo xermano Talking Animals Animation, comezou o seu circuíto de festivais na Berlinale 2012 e colleitou importantes premios a nivel internacional. O seu director, Milen Vitanov, nacido en Praga en 1978 e criado en Sofía é graduado en Animación pola Universidade de Cinema e Televisión HFF “Wolf Konrad” de Potsdam-Babelsberg.
Nesta edición off-line do festival galego, a primeira nos seus cinco anos de vida, preto de catrocentas persoas desprazáronse ata o MAC da Coruña para dar conta de primeira man das proxeccións e dar a súa valoración sobre os 77 finalistas. Ademais de Rising Hope, o publico destacou obras como a británica A Morning Stroll (nomeada aos Óscar 2012), a española Baixo a Almofada da directora Isabel Herguera e a galega O club do Bromista do director Luís Usón
Polo que atinxe ao premio ao Mellor Director Animacam 2012, lembrar que foi outorgado polo público en liña, que finalmente recoñeceu ao realizador vasco Gregorio Muro polo seu filme Zeinek gehiago iraun? (Quen aguanta máis?). A obra narra a historia de Ander, un mozo que xogando cos seus amigos nas vías do tren sofre un accidente. Este suceso marcará a súa vida e a da súa familia para sempre. O filme distribuído por Kimuak Filmoteca Vasca foi presentado xa a máis de 100 certames e gañou numerosos premios, entre os que destacan: Mención especial do xurado en Austin Film Festival (EE UU), Mellor curtametraxe de animación estranxeiro en ISFFI (INDIA) ou Mellor Curtametraxe de Animación Internacional en Cinema en la calle (Colombia).
Uns 400 asistentes off line e 20.000 internautas resolveron finalmente os premios de Animacam
Compartir Este Artigo
