
A Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura) acolleu hoxe a inauguración da mostra O videoxogo galego: unha viaxe interactiva por 40 anos de patrimonio cultural, unha iniciativa que forma parte da axenda do Día das Bibliotecas que se celebrou o pasado mes de outubro e que poderá visitarse ata o vindeiro mes de maio.
A exposición reúne máis de 60 pezas que permiten contar unha parte da evolución cultural e tecnolóxica da Comunidade a través das súas propias creacións. Na apertura da mostra participou o conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, que puxo en valor as catro décadas de traxectoria do sector gamer da nosa terra. Sinalou que a proposta visibiliza o talento galego arredor deste sector recuperando obras e proxectos que contribuíron á evolución do sector e na nosa lingua.

Ademais, fixo fincapé no gran papel que desenvolven as bibliotecas como institucións tamén encargadas da conservación e difusión do patrimonio documental galego.
No acto estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e os comisarios da mostra, Lorenzo Castro e Charo López, técnicos da Biblioteca de Galicia.
O proxecto nace da colaboración entre a Biblioteca de Galicia e a Fundación Museo do Videoxogo (o MUVI de Cangas) e reúne fondos propios e pezas cedidas por esta institución como vídeos, demos automatizadas, secuencias de xogo e recursos dixitais para ofrecer unha experiencia accesible a diferentes públicos e contribuír á visibilización, preservación e contextualización do patrimonio que conforma o videoxogo galego deste tipo de xogos electrónicos.
40 anos de historia

A exposición artéllase de maneira cronolóxica e temática en once bloques que percorren catro décadas de historia, desde a etapa pioneira iniciada a mediados dos 80, marcada pola autoaprendizaxe e os microordenadores como o MSX, ata a actualidade, caracterizada pola profesionalización do sector e pola distribución dixital global.
A viaxe comeza con The Wall (1986), considerado o primeiro videoxogo galego e pioneiro en integrarse nos circuítos profesionais españois. Nos anos 90 e comezos do século XXI xorden obras con forte identidade ou carácter educativo, como Cuban Mission (primeiro videoxogo comercializado en galego), o exitoso A grande aventura de Merliño, con grande distribución en escolas e inspirado en lendas galegas, ou Glest, referente de código aberto e innovación técnica en 3D. Xa na actualidade, a madurez do sector tradúcese en éxitos de proxección internacional coma o recoñecido Yuppie Psycho, a saga automobilística Super Woden ou novas creacións académicas como Gelatina is Hungry.

