O vindeiro venres terá lugar na Tecnópole de Ourense un encontro sobre innovación aberta no que xa formalizaron a súa inscrición máis dun cento de representantes de empresas e centros tecnolóxicos de toda Galicia, encargándose de inaugurar o evento o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela. Esta actividade está enmarcada no programa 5 Sentidos para innovar, que comezou en 2012 e que tras o éxito dunha primeira fase limitada á Tecnópole, ábrese agora ao resto de Galicia.
Estes encontros desenvólvense cun novo formato que, a través de estímulos sensoriais, permitirá aos asistentes interrelacionarse e compartir coñecementos e oportunidades para colaborar en proxectos innovadores. A iniciativa conta co apoio da Consellería de Economía e Industria e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), así como da Consellería e Economía e Industria a este programa encádrase no apoio á innovación como un dos piares do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015, que aspira a mellorar a competitividade das empresas galegas.
A dinámica do evento toma como argumento de partida que é preciso agudizar os cinco sentidos para innovar de xeito colaborativo, o que á súa vez dá lugar a un sexto sentido orientado especificamente á innovación. Habilitarase unha sala polivalente con recursos novidosos e distribuído en cinco espazos, cada un deles especificamente ambientado para estimular cada un dos sentidos e fomentar o coñecemento mutuo entre as empresas participantes co obxectivo de identificar alianzas baseadas na innovación.
Os participantes poderán escoitar a experiencia de empresas de diferentes sectores no ámbito da innovación aberta, que implica que os procesos de innovación saian dos departamentos de I+D das empresas para dar lugar a dinámicas baseadas na colaboración. Esta fórmula estase a promover como unha solución en tempos de crise, xa que permite compartir os custos da innovación entre empresas sen quitar que os resultados lles permitan competir entre elas.
Nesta liña, responsables de Google, R e Galicia Mar Renovables exporán as súas experiencias e animarán aos asistentes a pensar diferente para innovar e ser máis competitivos. A eles sumaranse representantes de sete empresas da Tecnópole, que explicarán cales son as fortalezas das súas organizacións en termos de innovación e o que os diferencia para ser máis competitivos.
Por outra banda, exporanse retos por parte de expertos en innovación para estimular a creatividade por parte dos asistentes, que serán animados a presentar propostas de solución. Ademais, haberá un showroom no que as empresas da Tecnópole mostrarán os seus produtos máis innovadores ao resto de participantes procedentes doutros puntos de Galicia.
A inscrición ao evento é gratuíta e pode formalizarse a través da Internet.
A Tecnópole celebrará o día 22 un evento empresarial sobre innovación
Compartir Este Artigo

