Tras o éxito de edicións anteriores en Madrid, Alacante e Valencia, o evento iWeekend: Innova y Crea chegará por primeira vez á Coruña os días 1 e 2 de marzo, no espazo de coworking de WeKCo en Novo Mesoiro, que colabora con AJE Coruña para a organización deste encontro sen ánimo de lucro que busca xuntar a persoas que buscan oportunidades (profesionais, desempregados e estudantes) con persoas que as ofrecen (directivos, empresarios e emprendedores) para traballar xuntos no desenvolvemento de proxectos empresariais a través dunha experiencia creativa e motivadora dun día e medio de duración.
Os interesados en participar poderán inscribirse vía web, abonando cunha cota de 30 euros os que queiran presentar unha idea para o seu desenvolvemento e 15 euros os que só queiran asistir.
Esta mañá presentouse este encontro nas oficinas de WeKCo, onde o organizador e creador de iWeekend, Luv Sayal, asegurou que esta iniciativa naceu co obxectivo de “dinamizar a cultura de emprender”, engadindo que “ante os abafantes datos de desemprego, pensamos en abrirnos a empresas ou autónomos que precisen axuda de distintos profesionais para mellorar un aspecto concreto do seu proxecto empresarial. Deste xeito conectaremos persoas que se necesitan entre si, o que pode xerar oportunidades de emprego e de negocio”.
O programa da edición coruñesa de iWeekend, queda como segue:
Vernes, 1 de marzo de 2013
16:30 – Rexistro de participantes
17:00 – Presentación do evento
17:30 – Relatorio de Mario López Guerrero.
18:15 – Coffee break
18:30 – Presentacións rápidas das ideas e proxectos dos participantes, seguidas de sesións de tormenta de ideas dos asistentes.Sábado, 2 de marzo de 2013
9:30 – Almorzo e networking. Formación dos equipos de traballo.
10:00 – Presentación do modelo CANVAS. Sesión de traballo 1
11:45 – Coffee break
12:00 – Sesión de traballo 2
13:45 – Xantar
15:00 – Sesión de traballo 3
17:00 – Coffee break
17:15 – Sesión de traballo 4
18:30 – Presentación dos proxectos
20:00 – Clausura

