Un dos xogos multi-plataforma móbil-Facebook de máis éxito en España, onde conseguiu destacar como Xogo do Ano 2012 na App Store, e que hai un par de meses superou os 10 millóns de usuarios rexistrados, Apalabrados, actualizouse esta tarde nas súas versións para iOS e Android, incorporando melloras visuais, un novo menú na listaxe de partidas e dous novos idiomas, o noruegués e o galego, conseguíndose este último grazas a unha achega da empresa compostelá Cilenis, spin-off da USC especializada en tecnoloxía lingüística.
O xogo, que consiste en formar palabras cruzadas nun taboleiro xuntando as letras que se reparten entre os usuarios, goza de grande éxito en boa medida porque é asíncrono (pois as súas partidas son por quendas), multi-plataforma (pode xogarse dende iOS, Android, BlackBerry, Windows Phone e Facebook) e multi-partida, que dende o seu lanzamento foi incorporando linguas de xeito progresivo, estreando o pasado verán a posibilidade de xogar en catalán e éuscaro, o que levounos a contactar coa empresa arxentina Etermax, responsable do seu desenvolvemento, que recoñeceu estar a traballar en levar a súa aplicación tamén á nosa lingua.


Isaac González compara a posibilidade de xogar a Apalabrados en galego “co impacto que tivo Cifras e Letras a nivel social, por utilizar o galego, palabras e expresións nun xogo, no lecer”. Considera así que Apalabrados “vai chegar a un maior número de xente de maneira activa, porque se ben un programa de televisión é só recibir, salvo os poucos concursantes que poden ir, realmente xogar ao Apalabrados en galego cos amigos é unha contribución a socializar a lingua de moitos e a darlle unha normalidade que é importante”.
Declaracións de Isaac González sobre a achega de Cilenis ao xogo Apalabrados
ACTUALIZACIÓN: A opción de xogar en galego en Apalabrados xa está dispoñible a través de Facebook.

