O Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (PALEXCO) será o escenario para a primeira edición da Hobby Con, un evento multi-salón de carácter lúdico-cultural que mesturará 4 tipos de feiras: un salón do cómic, unha convención de ficción científica, un salón do manga e unha feira do lecer na que teñan cabida as principais novidades dos videoxogos, os wargames e os xogos de taboleiro, entre outros. Esta primeira edición desenvolverase entre os días 4 e 7 de xullo e para darse a coñecer aposta fortemente pola Internet, para o que contan con páxina de Facebook, presenza en Twitter, unha plataforma social en liña (HobbyCon Social) e canle en YouTube (onde publican un vídeo cada 15 días a xeito do anticipo do evento principal).
O encontro tampouco esquece as actividades no mundo físico, polo que a través do proxecto Camino a Hobby Con pretenden acadar difusión participando nunha xira de actividades por toda Galicia, que van dende unha competición de videoxogos de loita a un desfile de seareiros de Star Wars en Santiago de Compostela (organizado pola Tropa Korriban).
Videoxogos, banda deseñada e ciencia ficción daranse cita na Coruña a primeiros de xullo
Compartir Este Artigo
